Saúde mental

Promovemos iniciativas que posibiliten unha atención integral e de calidade para todas as persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental asociados

                                       

Explicar o significado de saúde mental é unha tarefa complicada. Poderíamos definila como:

"o equilibrio físico, mental, emocional e espiritual en todos os aspectos da vida"; como "a habilidade de poder gozar a vida e afrontar os desafíos diarios - xa sexa tomando decisións, adaptándose a situacións difíciles ou dialogando sobre as nosas necesidades e desexos"; ou incluso como "a sensación de benestar e a crenza subxacente da dignidade e valía dun mesmo e dos demais".

O que sabemos seguro, é que a saúde mental é máis que a ausencia de enfermidade:

  • inflúe en como pensamos e nos sentimos
  • inflúe no noso modo de interpretar o que sucede e
  • afecta á nosa capacidade de crear e manter relacións
  • e afecta a nosa capacidade de afrontar os cambios

 

DISCAPACIDADE INTELECTUAL E SAÚDE MENTAL


As persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento teñen entre 2 e 4 veces máis probabilidades de desenvolver unha enfermidade mental que o resto da poboación, pero é importante sinalar que problemas de saúde mental e discapacidade intelectual NON son o mesmo.

Os problemas de saúde mental están relacionados con problemas emocionais ou conductuais, pero non coa propia discapacidade. A pesar de poder coexistir, os problemas de saúde mental e a discapacidade intelectual son dúas condicións separadas que requiren tipos de intervención moi diferentes. 

As estatísticas preocupan. Ademais do dato que sinala que 4 de cada 10 persoas con discapacidade intelectual teñen asociados cadros de enfermidade mental, a posibilidade de que esta sexa diagnosticada é entre 3 e 4 veces maior que a que se refire ao resto da poboación.

A isto hai que engadir que 1 de cada 5 persoas con discapacidade mental toma medicación para patoloxías psiquiátricas sen ter asociado un problema de saúde mental. Unha sobremedicación que se produce pola falta de ferramentas dispoñibles no sistema sanitario público, así como pola ausencia case total de coordinación e especialización nos diferentes servizos asistenciais. 

 

O PROGRAMA DE SAÚDE MENTAL DE FADEMGA


O noso programa de saúde mental impulsa accións para que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan acceder a unha atención sanitaria máis comprensible, humana e adaptada ás súas necesidades.

Moitas veces, o sistema sanitario resulta complexo e cheo de barreiras: linguaxe difícil, procedementos pouco claros ou tempos que non se axustan ás persoas. Por iso, esta liña de traballo busca transformar ese sistema nun espazo máis accesible, no que profesionais e persoas usuarias poidan entenderse mellor. Para conseguilo, promóvese a creación e mellora de protocolos que teñan en conta como estas persoas comprenden a información, expresan o malestar, a dor ou a ansiedade, e viven as situacións sanitarias.

O obxectivo é garantir unha atención máis respectuosa, segura e realmente centrada na persoa.

O programa aposta tamén por reforzar a coordinación entre os servizos sanitarios e sociais, creando pontes que permitan coñecer mellor cada situación e ofrecer unha atención máis coherente e continuada. Nun contexto no que os problemas de conduta e as necesidades de apoio complexo xeran preocupación en familias e profesionais, o programa inclúe asesoramento e acompañamento especializado, adaptado a cada caso.

Igualmente importante é o apoio aos equipos profesionais, facilitando espazos para traballar en rede, compartir dúbidas e buscar solucións conxuntas. Pequenos cambios —como mellorar a comunicación entre servizos ou revisar casos de maneira coordinada— poden ter un gran impacto na calidade de vida das persoas con maiores necesidades de apoio.

Pero este programa non actúa só cando xorden dificultades. Tamén ten unha mirada preventiva e positiva do benestar emocional. Promóvense actividades e espazos para falar das emocións, aprender a relaxarse, fortalecer a autoestima e adquirir ferramentas para afrontar cambios, tomar decisións e pedir axuda cando se necesita.

 

PUBLICACIÓNS RELACIONADAS


Nesta ligazón podes consultar diferentes publicacións do noso movemento asociativo relacionadas co eido da saúde mental.