Proxecto "Aténdeme-Enténdeme"
Mellorando a comunicación no centro de saúde

QUE É O PROXECTO ATÉNDEME-ENTÉNDEME?
"Aténdeme-Enténdeme" é un proxecto que realizamos dende FADEMGA Plena inclusión Galicia coa axuda da Consellería de Sanidade. Tratase dun proxecto destinado a mellorar a atención en consulta das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Ata o de agora o proxecto chegou ata os centros de saúde de Carballo, Viveiro, Carballiño, Lérez, La Peregrina e Coia, así como ao centro médico de Lalín e ao centro de atención primaria de Burela.
OBXECTIVOS DO PROXECTO
Aténdeme-enténdeme ten como obxectivo que os profesionais dos centros sanitarios:
- Entendan as características das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
- Descubran ferramentas e recursos para mellorar a comunicación coas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
- Coñezan estratexias para axudar as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento a estar tranquilos e cómodos nas consultas e/ou probas médicas.
- Comprendan a importancia da información que coñecen os acompañantes das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que teñen dificultades para comunicarse.
COMO SE DESENVOLVE O PROXECTO?
Varios grupos constituídos por unha persoa con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, un familiar e un profesional de apoio, achéganse aos diferentes dispositivos de saúde da nosa comunidade autónoma para realizar accións de información, formación e sensibilización aos profesionais sanitarios.
MÁIS INFORMACIÓN
Nesta ligazón podes descargar o documento con toda a información do proxecto.

