Calidade

Compromiso coa mellora continua

En FADEMGA Plena inclusión Galicia traballamos para que todos os nosos servizos sexan útiles, respectuosos e axuden ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias a vivir mellor.

Queremos que todo o que facemos sexa sostible no tempo e que realmente marque a diferenza. Para iso, sempre buscamos mellorar e facer máis fáciles os procesos dentro das entidades da nosa federación.

O noso obxectivo é que cada persoa reciba os apoios que necesita para ser máis autónoma e participar activamente na sociedade. Para elo, non traballamos de maneira aislada: contamos coa opinión e colaboración tanto dos e das profesionais como das propias persoas usuarias para deseñar e avaliar os servizos.

METODOLOXÍA

A nosa maneira de traballar baséase en normas de calidade recoñecidas internacionalmente, pero adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Ademais, a calidade non só ten que ver cos servizos que ofrecemos, senón tamén coa maneira en que xestionamos as asociacións, formamos aos equipos de traballo e creamos ferramentas para que tanto as familias como as propias persoas usuarias poidan participar activamente nas decisións que lles afectan.

Por iso, avaliamos constantemente os resultados do noso traballo e buscamos novas formas de mellorar e promovemos que as diferentes entidades compartan experiencias e boas prácticas para aprender unhas das outras e avanzar xuntas.

En definitiva, a calidade en FADEMGA non é algo puntual, senón un compromiso continuo para que cada acción que levemos a cabo mellore a vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.