Calidade de vida familiar

As familias experimentan calidade de vida cando todas as persoas que a integran:

  • Teñen cubertas as súas necesidades básicas.
  • Gozan do tempo compartido como familia.
  • Contan con oportunidades para acadar os obxectivos importantes para cada unha delas.

A calidade de vida pode ter un significado diferente para cada familia, dependendo da súa experiencia, dos valores que comparten, das súas crenzas e das expectativas de cada persoa membro...

Porén, existen algúns elementos comúns que inflúen en todas as familias.

QUE FACTORES DETERMINAN A CALIDADE DE VIDA FAMILIAR?

No caso das familias con persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, estes factores varían en función da idade da persoa con discapacidade. 

Para familias con fillos e fillas menores de 18 anos:

  • Clima familiar: relacións entre os membros da familia (se hai apoio mutuo, respecto…).
  • Estabilidade emocional: sentirse en paz, poder desenvolver proxectos persoais, dispoñer de tempo para a vida en parella…
  • Benestar económico: contar cos recursos necesarios para cubrir as necesidades da familia, ofrecer os apoios axeitados ao fillo ou filla con discapacidade e afrontar o futuro con seguridade.
  • Adaptación familiar: valores e cambios que a familia incorpora para xestionar os retos prácticos e emocionais que xorden no día a día.
  • Recursos dispoñibles: acceso a apoios para afrontar os desafíos do desenvolvemento da persoa con discapacidade, garantir a accesibilidade e sentirse satisfeitos cos servizos existentes.

Para familias con persoas con discapacidade maiores de 18 anos:

  • Clima familiar: a calidade das relacións entre os membros da familia (se hai apoio, comprensión, respecto…).
  • Autonomía da persoa con discapacidade: acceso e uso dos recursos comunitarios para levar unha vida o máis independente posible.
  • Benestar económico: dispoñibilidade de recursos para cubrir as necesidades da familia, manter os apoios axeitados e planificar o futuro con tranquilidade.
  • Organización e funcionamento familiar: repartición das responsabilidades de apoio á persoa con discapacidade, asegurando que toda a familia teña enerxía para atender as súas propias necesidades.
  • Apoio familiar á persoa con discapacidade: acompañamento na vida diaria, apoio na xestión da súa vida afectiva e sexual, e planificación do seu futuro.

 

Na nosa sección de bibliografía dedicada á "Calidade" podedes consultar documentación relacionada coa Calidade de Vida Familiar. 

 

A calidade de vida familiar é un obxectivo clave para mellorar o benestar das persoas con discapacidade e das súas familias,

e en Galicia seguimos traballando para garantir os apoios que fagan posible unha vida plena e inclusiva.