Emprego público
Fomentando o avance social das administracións

Despois de máis de 20 anos de traballo no ámbito do emprego, no ano 2011 conquistabamos un dos dereitos máis perseguidos polo colectivo: o acceso ao emprego público.
A Administración Xeral do Estado publicaba no 2011 a primeira convocatoria especifica para persoas con discapacidade intelectual. O entón Ministerio de Administracións Públicas e Política Territorial convocaba oposicións para cubrir 54 postos como Axudante de xestión e servizos comúns (ordenanza). A esta iniciativa sumábase no ano 2016 a Administración galega, coa convocatoria de 6 prazas de persoal subalterno.
Desde entón o avance foi imparable.
APOIOS INTEGRAIS PARA A CONSECUCIÓN DUN POSTO NA ADMINISTRACIÓN
Actualmente dende a Federación ofrecemos apoios integrais para a preparación do proceso selectivo: dende clases para a preparación dos exames ata apoios para a formalización da solicitude, alegacións a listas, presentación da documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso…
Asemade, apoiamos ás persoas opositoras o propio día do exame, acompañándoas ata o lugar onde se realizan as probas.
Durante o pasado ano, un total de 487 persoas con discapacidade intelectual das catro provincias preparáronse coa nosa Federación para varios procesos selectivos.
RETOS DE FUTURO
Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia consideramos que a pesar dos múltiples avances experimentados no eido do emprego público durante os últimos 10 anos, aínda quedan retos por acometer no futuro próximo, entre eles a consecución dunha maior axilidade na convocatoria das prazas ofertadas, así como a necesidade de reservar prazas para persoas con discapacidade intelectual con maiores necesidades de apoio.
PUBLICACIÓNS RELACIONADAS
Nesta ligazón podes consultar diferentes publicacións relacionadas co eido do emprego público.
INTERESACHE PREPARAR UNHAS OPOSICIÓNS?
Escríbenos a orientacion.laboral@fademga.org ou chámanos ao 981 566 676 e informarémosche!

