Asistencia persoal
"Co teu apoio, eu elixo"
A asistencia persoal é unha ferramenta clave para o exercicio do dereito á vida independente das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Desde hai varios anos, desde o movemento asociativo de Plena inclusión vimos propoñendo e desenvolvendo a Asistencia Persoal como ferramenta humana imprescindible para que unha persoa con discapacidade poida vivir como o resto da cidadanía.
A través deste rol profesional asegúrase que a vontade da persoa con discapacidade sexa respectada en calquera caso e, por tanto, decida sobre todos os aspectos da súa vida, tal e como ocorre ás persoas sen discapacidade.
Aínda así, ata o momento son poucas as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que poden acceder a este tipo de prestación e apoio, existindo así mesmo, diferenzas entre as comunidades autónomas.
A FIGURA DO ASISTENTE PERSOAL
O asistente persoal é unha figura profesional que apoia, axuda ou contribúe a que a persoa poida realizar tarefas da vida cotiá en distintos ámbitos (laboral, familiar, formativo, de lecer, social e/o privado) e a que decida como e cando quere facelas.
Os apoios deben ser flexibles, personalizados e respectuosos coas decisións da persoa con discapacidade, que é quen ten o control e:
- decide como, onde e cando quere recibir os apoios,
- elixe o seu asistente persoal,
- decide en que actividades vai apoiar.
No caso de persoas con grandes necesidades de apoio, serán xeralmente os seus familiares quen tome as decisións en función das preferencias e necesidades da persoa con discapacidade.
Aínda que dependen dos apoios que necesite cada persoa, de maneira xeral as tarefas son:
- Persoais: relacionadas directamente coa persoa.
- Do fogar: realizadas dentro da vivenda.
- De acompañamento: en calquera contexto da vida da persoa.
- De desprazamento: relacionadas co acompañamento nos traslados.
- De comunicación: interpretación de diferentes sistemas comunicativos.
- De coordinación: relacionadas coa planificación e o apoio á toma de decisións.
- Excepcionais: provocadas por situacións concretas de saúde.
- Especiais: vinculadas con ámbitos de intimidade da persoa ou da actividade sexual.
Para saber máis sobre asistencia persoal, podes ver este vídeo: “Que é a asistencia persoal: Cóntocho cun café”.
PUBLICACIÓNS RELACIONADAS
Nesta ligazón podes consultar as diferentes publicacións do noso movemento asociativo, sobre a figura do asistente persoal.

