Grupos de persoas autoxestoras

A nosa voz, o noso poder

 

Os grupos de persoas autoxestoras son espazos de participación e empoderamento dentro de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Neles, as propias persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento reúnense para falar, formarse e decidir sobre os temas que lles afectan directamente. Trátase dunha ferramenta clave para fomentar a autonomía, a autodeterminación e a cidadanía activa.

 

QUE FAN OS GRUPOS DE PERSOAS AUTOXESTORAS?


- Comparten experiencias e reflexionan sobre temas como o emprego, a igualdade, a accesibilidade ou a vida independente.

- Participan en campañas, encontros e actividades para defender os seus dereitos e dar visibilidade ás súas demandas.

- Colaboran coas entidades de Plena inclusión para mellorar os apoios e promover unha sociedade máis inclusiva.

- Representan ao movemento asociativo en espazos públicos, encontros institucionais e accións de sensibilización.

 

UNHA VOZ TRANSFORMADORA


As reunións son espazos de diálogo, aprendizaxe e toma de decisións. A través de dinámicas participativas, as persoas autoxestoras aprenden a traballar en grupo, a falar en público, a planificar proxectos e a asumir responsabilidades. 

O movemento de persoas autoxestoras forma parte dun cambio profundo: pasar de “falar por elas” a escoitar e falar con elas.

A súa voz impulsa a mellora das políticas públicas, a igualdade de oportunidades e o recoñecemento pleno dos seus dereitos como cidadás e cidadáns.

 

PUBLICACIÓNS RELACIONADAS


Nesta ligazón podes atopar publicacións do noso movemento asociativo relacionadas coa autodeterminación