Encontros de mulleres
Xuntas decidimos. Xuntas avanzamos!

Os grupos de mulleres de FADEMGA Plena inclusión Galicia reúnense de forma mensual en distintos puntos de Galicia —Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra— para crear espazos seguros de encontro, aprendizaxe e apoio mutuo entre mulleres con discapacidade intelectual.
Estes encontros periódicos permiten traballar de maneira continuada cuestións crave como a participación social, a igualdade de xénero, a prevención de abusos, o coñecemento dos dereitos, o fortalecemento da autoestima e o empoderamento persoal.
Tamén son, sinxelamente, un lugar para compartir experiencias, crear redes e gozar de actividades culturais e de lecer en compañía doutras mulleres.
O ENCONTRO AUTONÓMICO
Todo este traballo desenvolvido ao longo do ano conflúe nun gran Encontro Autonómico de Mulleres, unha cita anual que reúne ás participantes de todos os grupos.
Este encontro é un espazo de celebración, visibilización e reivindicación colectiva, onde as mulleres comparten aprendizaxes, fan oír a súa voz e reforzan o seu papel como axentes activas de cambio dentro da sociedade. O Encontro Autonómico é, ademais, unha oportunidade para poñer en común demandas, xerar referentes positivos e seguir avanzando cara a unha Galicia máis inclusiva e igualitaria, onde as mulleres con discapacidade intelectual exerzan plenamente os seus dereitos e lideren os seus propios procesos de vida.
QUERES MÁIS INFORMACIÓN SOBRE ESTA INICIATIVA?
Se estás interesada/o en coñecer máis sobre este e outros proxectos, escríbenos a través deste formulario.

