Educación
Aprendendo sen barreiras

En FADEMGA apostamos por un modelo educativo que inclúa a todas as persoas.
Traballamos para facer realidade unha educación inclusiva e de calidade, na que o alumnado con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento teña garantido o seu dereito a aprender, participar e medrar xunto ao resto da comunidade educativa.
O noso proxecto de educación céntrase en apoiar a evolución dos centros de educación especial para que se convertan tamén en centros de referencia e apoio. Estes centros comparten coñecemento, experiencia e recursos cos centros educativos ordinarios, contribuíndo a eliminar barreiras e a mellorar a resposta educativa para todo o alumnado. Para conseguilo, acompañamos aos equipos educativos e profesionais no seu labor diario, impulsando a formación continua, o intercambio de boas prácticas e o acceso a recursos actuais e útiles.
Tamén promovemos espazos de aprendizaxe compartida nos que se constrúen respostas educativas máis accesibles, flexibles e centradas nas persoas.
ACOMPAÑAMENTO E ASESORAMENTO EN EDUCACIÓN INCLUSIVA
Ofrecemos información, orientación e apoio a centros educativos, profesorado, familias e entidades vinculadas á educación.
O noso obxectivo é favorecer prácticas educativas que teñan en conta a diversidade do alumnado, que faciliten a participación de todas as persoas e que garantan a igualdade de oportunidades dentro das aulas. Traballamos para que a educación sexa un espazo onde cada persoa conte, aprenda e poida desenvolver todo o seu potencial.
TRABALLO EN REDE E INCIDENCIA
Participamos activamente no seguimento e impulso das políticas públicas de educación inclusiva, colaborando para que os compromisos recollidos nos plans estatais acaben implicando cambios reais nos centros educativos e na vida do alumnado.
Ademais, formamos parte de iniciativas estatais promovidas por Plena inclusión, como Colegios por la Inclusión, unha plataforma con ferramentas e recursos prácticos para avanzar cara a unha escola máis inclusiva.
QUERES MÁIS INFORMACIÓN?
Podes contactarnos a través deste formulario ou chamando ao 981 51 96 50.
FINANCIACIÓN E COLABORACIÓN
Programa financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.

