Apoios autodirixidos

Cara a un novo modelo de apoios

FADEMGA Plena inclusión Galicia está a desenvolver en Galicia a iniciativa de Apoios autodirixidos como parte dun pilotaxe impulsado por Plena inclusión a nivel estatal, co obxectivo de avanzar cara a modelos de apoio máis personalizados, flexibles e centrados nas persoas.

Trátase dun cambio de enfoque que pon o acento no dereito das persoas con discapacidade intelectual a decidir sobre os apoios que reciben: que apoio queren, como o queren, e en que se emprega o diñeiro destinado a ese apoio. Porque a autonomía persoal tamén se constrúe podendo elixir.

Un pilotaxe para aprender e mellorar

No desenvolvemento deste pilotaxe, a Confederación conta coa colaboración do SIIS – Servizo de Información e Investigación Social da Fundación Eguía Careaga, que está a acompañar o proceso desde unha perspectiva técnica e de investigación.

Este traballo permite analizar cuestións clave como: que actividades elixen as persoas cando teñen capacidade real de decisión, cantas horas de acompañamento necesitan para facer realidade o seu plan de vida, e cal é o papel dos e das profesionais que xestionan e facilitan os apoios.

En 2024 desenvolveuse un primeiro prototipo de Apoios autodirixidos, (cuxos resultados spodedes consultar aquí) e agora estase a levar a cabo un novo pilotaxe en Galicia, centrado en persoas en situacións de máxima vulnerabilidade, co obxectivo de seguir afinando o modelo e comprobar o seu impacto en contextos máis complexos.

Cara a un novo modelo de apoios

Este traballo forma parte dunha aposta máis ampla de Plena inclusión por impulsar os apoios autodirixidos en colaboración con administracións públicas de distintos territorios do Estado.

O cambio que propoñen os apoios autodirixidos é sinxelo, pero transformador: fronte a un modelo no que os recursos se asignan directamente ás entidades prestadoras de servizos, avánzase cara a outro no que son as propias persoas as que deciden como se utilizan os recursos destinados ao seu apoio.

Un paso máis para construír sistemas de apoio que respecten os dereitos, as decisións e os proxectos de vida de cada persoa.