Formación para o emprego

Preparándonos para un futuro de oportunidades!

O Servizo de formación para o emprego de FADEMGA da resposta ás necesidades formativas do noso colectivo, xa que no mercado actual non existen formacións específicas adaptadas ás características das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. 

Neste eido, dende a Federación ofrecemos diferentes modalidades formativas que permiten aumentar as posibilidades de inclusión no mercado laboral mediante a mellora das competencias educativas, ocupacionais, sociais e profesionais. 

As diferentes convocatorias de formación caracterízanse por estar adaptadas ás necesidades de cada persoa participante, sendo de carácter fundamentalmente práctico e combinando dinámicas grupais con actividades que inclúen o uso das TIC´s. 

Durante o último ano, un total de 661 persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia beneficiáronse dalgún tipo de formación, a través das 63 iniciativas que desenvolvemos.

 

A FORMACIÓN PRELABORAL


A formación prelaboral está destinada a proporcionar os coñecementos e habilidades necesarias para buscar e manter un posto de traballo. A través de diversas accións de formación, achegamos os coñecementos e recursos que fagan posible a mellora da empregabilidade do noso colectivo, e todo elo de xeito adaptado ás características e necesidades do alumnado.

A oferta adoita dividirse en dous grandes grupos: 

1. Os cursos de formación prelaboral (accións formativas teórico-prácticas de carácter grupal, cunha duración máxima de 25 horas). 

2. O talleres específicos (talleres eminentemente prácticos, de 5 horas de duración máxima, para abordar contidos específicos relacionados coa busca de emprego).

 

PUBLICACIÓNS RELACIONADAS CO SERVIZO


Nesta ligazón podes consultar diferentes publicacións relacionadas co servizo de Formación para o emprego.