Infancia e educación

Crecendo en comunidade

A educación é unha das bases para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva. Por iso, en FADEMGA Plena inclusión Galicia traballamos para promover un modelo educativo no que todas as persoas teñan a oportunidade de aprender, participar e desenvolver o seu potencial en igualdade de condicións.

A través do noso traballo no ámbito da educación inclusiva, impulsamos iniciativas orientadas a transformar progresivamente o sistema educativo e garantir o dereito á educación das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Neste marco, apoiamos procesos de transformación dos centros de educación especial en centros de referencia e apoio para os centros educativos ordinarios, favorecendo así prácticas educativas máis inclusivas e de maior calidade. Ademais, ofrecemos asesoramento e acompañamento a centros educativos, equipos docentes, familias e entidades, facilitando recursos, información e espazos de aprendizaxe compartida que permitan avanzar cara a contornas educativas máis accesibles, participativas e respectuosas coa diversidade.

O noso labor tamén inclúe accións de incidencia e seguimento das políticas públicas, colaborando no impulso de iniciativas que favorezan o desenvolvemento da educación inclusiva e o cumprimento do dereito á educación para todo o alumnado.