Plena inclusión valora os avances da reforma das leis de dependencia e discapacidade, pero reclama melloras no copagamento e nas condicións laborais dos coidados e dos apoios
A Confederación reivindica que o financiamento chegue realmente ás persoas, que se reforme o copagamento e que melloren as condicións laborais das profesionais do sector dos coidados e dos apoios.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
17-09-2026Plena inclusión valora positivamente a aprobación definitiva por parte do Congreso das reformas das leis de dependencia e discapacidade, que culminaron onte a súa tramitación parlamentaria tras a votación das emendas incorporadas polo Senado.
A Confederación, que agrupa máis de 950 asociacións, considera que o novo marco legal supón un avance cara a un modelo de apoios máis flexible, personalizado e orientado a que as persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento poidan levar adiante os seus proxectos de vida na súa contorna e participar nas súas comunidades.
Entre os principais avances, Plena inclusión España destaca a adaptación de ambas normas á Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e ao artigo 49 da Constitución. En concreto, a Lei sobre os dereitos das persoas con discapacidade crea unha nova prestación de apoio para o exercicio da capacidade xurídica. Tamén contempla a metodoloxía do emprego personalizado.
En relación coa Lei de dependencia, destaca a mellora da asistencia persoal, a incorporación de novos apoios para favorecer a autonomía persoal e a vida na comunidade e a ampliación de servizos como a axuda no fogar. Tamén valora a redución de determinados trámites administrativos. A reforma permitirá, nos casos previstos, que as persoas que xa teñan recoñecido un grao de dependencia poidan acceder directamente ao recoñecemento de determinados graos de discapacidade.
«O aprobado supón un cambio significativo, que permite pasar dun sistema ríxido e limitado a outro con maior capacidade para adaptarse ás necesidades e ao proxecto de vida das persoas e das súas familias na súa contorna comunitaria», explica Enrique Galván, director de Plena inclusión España.
MÁIS ACCESIBILIDADE E VIDA NA COMUNIDADE
Outro dos avances destacados é o reforzo da accesibilidade universal como dereito. Para Plena inclusión España, resulta especialmente importante que este avance incorpore a accesibilidade cognitiva, fundamental para que as persoas con dificultades de comprensión poidan entender a información, exercer os seus dereitos e relacionarse en igualdade de condicións coas administracións e coa súa contorna. A reforma tamén abre novas posibilidades para que as persoas reciban apoios alí onde desenvolven a súa vida. Os apoios nas vivendas ou unha axuda no fogar máis flexible poden contribuír a superar un modelo excesivamente ríxido e avanzar cara a outro máis conectado coa comunidade.
QUE OS RECURSOS CHEGUEN ÁS PERSOAS
A reforma vén acompañada dun importante aumento do financiamento estatal do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. Plena inclusión España considera que este incremento debe traducirse en melloras concretas na vida das persoas. A Confederación reclama ás comunidades autónomas, responsables de boa parte da xestión do sistema, transparencia no uso dos fondos e que o aumento da achega estatal non sirva para reducir os recursos propios que destinan actualmente á dependencia. O seu obxectivo debe ser mellorar a calidade dos apoios, reducir as listas de espera e garantir servizos suficientes para as persoas que presentan maiores necesidades. Tras a aprobación definitiva da reforma, Plena inclusión España pide unha boa coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas para que os cambios lexislativos se convertan en dereitos e apoios efectivos en todos os territorios.
O COPAGAMENTO E AS CONDICIÓNS LABORAIS, ENTRE AS MATERIAS PENDENTES
Malia os avances, Plena inclusión España considera que a reforma deixa cuestións importantes sen resolver.
Unha delas é o copagamento. A organización leva anos reclamando un sistema máis xusto e transparente, con garantías suficientes para evitar que as persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento vexan comprometido o seu nivel de vida por ter que contribuír ao custo dos apoios que necesitan.
Plena inclusión España tamén reclama que a mellora do sistema veña acompañada da dignificación das condicións laborais das profesionais dos coidados e dos apoios. Lembra que a calidade dos servizos depende de contar con equipos profesionais estables, cualificados e cunhas condicións laborais adecuadas. Por iso, considera imprescindible que o novo financiamento contribúa tamén a garantir a sustentabilidade das entidades e a facer do sector un ámbito atractivo para o desenvolvemento profesional.

