“Pausa en verde”: unha actividade para parar, respirar e conectar coa natureza

Unha experiencia guiada para baixar o ritmo, reconectar co presente e coidar a saúde mental dende a natureza.

“Pausa en verde”: unha actividade para parar, respirar e conectar coa natureza

Vivimos nun ritmo que case nunca para.

Pasamos moitas horas diante das pantallas: o móbil, o ordenador ou a televisión. Recibimos mensaxes, avisos e información a cada minuto. Corremos para chegar a todo, acumulamos tarefas e ás veces sentimos que non temos tempo nin para respirar con calma. A isto súmanse as preocupacións do día a día: o traballo, as cousas pendentes, o que pasará mañá ou aquilo que nos custa xestionar. Todo ese ruído tamén cansa o corpo e a mente.

Por iso poñemos en marcha “Pausa en verde”, unha actividade pensada para ofrecer ás persoas participantes un tempo de calma, descanso e contacto coa natureza.

A proposta é sinxela: gardar o móbil durante un anaco, afastarnos das pantallas, dos avisos e das présas, e camiñar amodo nun espazo natural. A natureza axúdanos a estar no presente, a prestar atención ao que vemos, ao que escoitamos e ao que sentimos.

Ir ao bosque non é só dar un paseo. Tamén pode ser unha forma de coidarnos, soltar tensión, calmar a mente e recuperar benestar.

A quen vai dirixida?

A actividade está dirixida a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, tendo prioridade aquelas persoas que teñan problemas de saúde mental ou que presenten bloqueos por ansiedade ou estrés.

Datas, horarios e lugares

As sesións terán unha duración de 1 hora e media e realizaranse en espazos naturais da cidade de Santiago de Compostela.

- 10 de xullo, de 10:30 a 12:00 horas no Parque Eugenio Granell, zona de Pontepedriña.

- 17 de xullo, de 16:00 a 17:30 horas, no Parque do Lago, na Cidade da Cultura.

Se as persoas participantes teñen dificultades de mobilidade, é posible que se cambien os espazos previstos.

En todo caso, as sesións realizaranse en Santiago de Compostela.

Quen guía a actividade?

A actividade estará guiada por Marga Chao, guía certificada de baños de bosque e profesional de terapia de bosque polo Forest Therapy Hub, FTHub.

Tamén está acreditada como formadora do FTHub para formar especialistas en conexión coa natureza.

Como participar?

Para participar é necesario cubrir esta ficha de inscrición e enviala ao correo electrónico: areasocial@fademga.org

O prazo de inscrición estará aberto ata o 1 de xullo.

Unha vez rematado o prazo, contactaremos coas persoas inscritas para confirmar a praza e comentar os aspectos que sexa necesario ter en conta.

Para calquera dúbida ou aclaración, podes contactar connosco no correo areasocial@fademga.org ou chamar ao teléfono 981 51 96 50

Descarga nesta ligazón o cartel e programa da actividade

 


Esta actividade finánciase grazas á Fundación José Otero e Carmela Martínez así como a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, grazas ás persoas que marcan o recadro de Fins Sociais / X Solidaria na súa declaración da renda.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.