Participar tamén é entender: pedimos unha campaña electoral accesible
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia animamos a todos os partidos políticos a adaptar os seus programas a lectura fácil para que as persoas con discapacidade intelectual poidan coñecer as propostas e decidir con autonomía.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
23-10-2026Ante o próximo inicio da campaña electoral, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia queremos lembrar que as persoas con discapacidade intelectual teñen dereito a participar na vida política e a acceder a información que poidan comprender.
As persoas con discapacidade intelectual teñen opinións, inquedanzas e propostas propias, e deben contar coas oportunidades e os apoios necesarios para facelas valer.
Para decidir, hai que entender
Durante a campaña electoral, os partidos presentan as súas propostas sobre emprego, vivenda, educación, saúde ou servizos públicos. Son cuestións que afectan a toda a cidadanía. Porén, cando esa información se transmite cunha linguaxe complexa, unha parte da poboación atopa dificultades para comprendela, comparar opcións e tomar as súas propias decisións.
Por iso, animamos todas as formacións políticas a adaptar os seus programas electorais a lectura fácil e a difundilos de maneira visible e con tempo suficiente para consultalos. Tamén pedimos que empreguen unha linguaxe clara nos seus actos, nas súas páxinas web e nas comunicacións da campaña.
A lectura fácil facilita a comprensión dos textos mediante pautas de redacción, deseño e maquetación. A participación de persoas con dificultades de comprensión na súa validación é fundamental para comprobar que a información se entende.
Unha campaña que escoite todas as voces
Ademais de facer accesibles as propostas, é necesario abrir espazos nos que as persoas con discapacidade intelectual poidan preguntar, expresar as súas preocupacións e dialogar directamente con quen aspira a representalas.
Dende FADEMGA reivindicamos unha participación con voz propia, na que os apoios respecten as preferencias e as decisións de cada persoa.
A información electoral tamén ten que chegar a quen precisa outra maneira de contala. Facer comprensibles as propostas é un paso necesario para que todas as persoas poidan decidir.

