Participamos no "I Congreso internacional sobre o futuro do emprego de persoas con discapacidade intelectual"
O congreso acolle a participación de profesionais, representantes de administracións públicas, empresas, entidades do movemento asociativo e persoas con discapacidade intelectual.

FADEMGA Plena inclusión Galicia
30-05-2024O Palacio da Madalena de Santander acolle dende este xoves o I Congreso Internacional sobre o emprego de persoas con discapacidade intelectual, no que máis de 300 profesionais, representantes de administracións públicas, empresas, entidades do movemento asociativo e persoas con discapacidade intelectual debaterán accións positivas que impulsen e melloren o presente e o futuro do emprego de decenas de miles de persoas ás que, na actualidade, o acceso a un posto de traballo é máis difícil que para o resto da cidadanía.
Galicia participa cunha delegación composta por profesionais da área de Emprego e formación así como pola presidencia e xerencia da federación e a representación da patronal Aedigal.
O Congreso, organizado por AEDIS (Asociación Empresarial para a Discapacidade), Plena inclusión España e Plena inclusión Cantabria, contará na inauguración oficial, coa presenza da secretaria de Estado de Economía Social, Amparo Merino; a conselleira de Inclusión Social, Mocidade, Familias e Igualdade do Goberno de Cantabria, Begoña Gómez; o director xeral de Fundación ONCE, José Luis Martínez; e outros representantes institucionais locais, autonómicos e estatais.
O programa inclúe conferencias maxistrais, mesas redondas e talleres nos que se analizará unha conxuntura marcada pola desigualdade e a falta de inclusión. Segundo os datos do último informe do INE sobre emprego de persoas con discapacidade, a taxa de emprego das persoas con discapacidade intelectual sitúase no 23,8%, 44,8 puntos menos que o resto da poboación. E a taxa de actividade no 36,4%, 41,6 puntos inferior á poboación sen discapacidade. Só 2 de cada 10 persoas con discapacidade intelectual en idade de traballar teñen un emprego.
Para ilustrar este debate cóntase coa participación de 50 expertos, entre os que destacan catedráticos do Dereito ao Traballo, de Psicoloxía da Discapacidade e das Organizacións; autores do Libro Blanco do Emprego e Discapacidade; profesionais da Fundación Bertelsmann, da Fundación ONCE e da Fundación Telefónica; empresas comprometidas co sector como Eurofirms, Altea e UST; profesores de 7 universidades españolas (Barcelona, Burgos, A Lagoa, León, Madrid, Salamanca, Valencia) e da Universidade Andrés Bello de Chile; así como representantes da Administración Xeral do Estado, do Comisionado Especial para a Economía Social e de entidades de referencia a nivel nacional como CEPES, e a nivel internacional como Inclusion Europe e a European Association of Service providers for Persons with Disabilities (EASPD).
Este congreso pretende xerar un espazo de debate amplo e profundo. Ao longo destes meses celebráronse seminarios en liña precongresuais nos que máis de 700 profesionais do sector realizaron unha análise da situación e presentaron boas prácticas, tendencias e accións innovadoras en relación co emprego e a empregabilidade das persoas con discapacidade.
Así, retos estratéxicos como a normativa, a formación, o emprego para todos, a contratación pública ou o escenario internacional do emprego serán o marco para expor as reivindicacións do sector. Tamén se falará sobre a necesidade de impulsar unha lei marco de inclusión laboral que dea unha resposta integral ás persoas con discapacidade con especiais dificultades en toda a súa etapa laboral. Outras metas propostas céntranse en activar o deseño dunhas políticas que logren a activación e o mantemento do emprego, a necesidade de promover unha sociedade inclusiva e equitativa, e o necesario traballo conxunto entre entidades, pemes e compañías para lograr a inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.
Toda a información da xornada e do Congreso está na web: