O SERGAS e FADEMGA Plena inclusión Galicia asinan un convenio para mellorar a atención sanitaria das persoas con discapacidade intelectual

O acordo inclúe accións de sensibilización, formación e accesibilidade cognitiva

O SERGAS e FADEMGA Plena inclusión Galicia asinan un convenio para mellorar a atención sanitaria das persoas con discapacidade intelectual

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS ) e FADEMGA Plena inclusión Galicia veñen de formalizar un convenio de colaboración para desenvolver accións conxuntas destinadas a mellorar a atención sanitaria das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. O acordo supón un importante avance na promoción da saúde mental, a accesibilidade cognitiva e a mellora da comunicación entre o persoal sanitario e este colectivo no sistema público de saúde.

Entre as principais actuacións recollidas no convenio destaca o programa Aténdeme-Enténdeme, que promove visitas programadas a centros de saúde por parte de persoas con discapacidade intelectual, acompañadas por familiares e profesionais das entidades federadas. Estas visitas permiten que as persoas usuarias expliquen directamente aos equipos de Atención Primaria as súas necesidades específicas e propoñan ferramentas para mellorar a atención sanitaria que reciben.

Tamén se prevén accións de análise da accesibilidade cognitiva nos centros sanitarios, así como formación especializada en saúde mental para profesionais da sanidade. A pasada semana, FADEMGA Plena inclusión Galicia retomou o grupo de traballo Aténdeme-Enténdeme, no que participan persoas con discapacidade intelectual, profesionais e representantes do ámbito sanitario. Esta reactivación chega nun momento clave, e supón o impulso necesario para garantir que a implementación do convenio se realice coa participación directa das persoas protagonistas.

O grupo traballará na planificación das visitas, a formación previa e a avaliación das barreiras detectadas. “Este convenio é un paso decisivo para garantir que as persoas con discapacidade intelectual sexan escoitadas no ámbito sanitario e poidan acceder a unha atención adaptada e respectuosa cos seus dereitos”, destacou Eladio Fernández Pérez, presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2025 e contará cunha comisión de seguimento para garantir o seu correcto desenvolvemento. A alianza entre FADEMGA e o SERGAS supón un exemplo de colaboración institucional en favor dos dereitos e da inclusión das persoas con discapacidade intelectual.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Reglamento (UE) 2016/679 RGPD y LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALLEGA DE ASOCIACIONES EN FAVOR DE LAS PERSONAS CON DISCAPACIDAD INTELECTUAL O DEL DESARROLLO), como responsable del tratamiento, tratará sus datos para promocionar su actividad y evaluar calidad de sus servicios. Podrá ejercitar los derechos de acceso, rectificación y supresión de los datos, entre otros, tal y como se explica en la información adicional que está a su disposición en el apartado de Política de Privacidad.