“O futuro é hoxe”: chega o 24º Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras

O lema deste ano reivindica o dereito das persoas con discapacidade intelectual a tomar as súas propias decisións e a participar activamente naqueles asuntos que lles afectan

“O futuro é hoxe”: chega o 24º Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras

Baixo o lema “O futuro é hoxe: decidindo a nosa vida”, FADEMGA Plena inclusión Galicia organiza unha nova edición do Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras, unha das citas máis destacadas do calendario da Federación.

O encontro celebrarase o venres 30 de outubro no Restaurante Los Robles, en Montouto, e reunirá persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento de entidades de toda Galicia. Esta será xa a 24º edición dunha xornada creada para compartir experiencias, adquirir novos coñecementos e reflexionar sobre asuntos que afectan directamente á vida das persoas autoxestoras.

Decidir hoxe para construír o futuro

O lema “O futuro é hoxe: decidindo a nosa vida” reivindica o dereito das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento a tomar as súas propias decisións e a participar activamente naqueles asuntos que lles afectan. O futuro non comeza mañá. Constrúese no presente, cando as persoas poden expresar as súas opinións, facer eleccións e contar cos apoios necesarios para desenvolver os seus proxectos de vida.

Participación e envellecemento, no centro da mañá

A xornada comezará coa recepción das persoas participantes e o acto inaugural. A continuación, desenvolveranse dúas charlas. A primeira abordará como crear un grupo de participación de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Esta cuestión está relacionada co impulso dun novo grupo de participación dentro da propia Federación. A segunda charla estará dedicada a reflexionar sobre como afrontar o envellecemento.

Catro obradoiros para aprender e compartir

Durante a tarde celebraranse catro obradoiros simultáneos sobre cuestións moi presentes na vida cotiá:

- A resolución de conflitos

- As redes sociais e a intelixencia artificial

- A sexualidade

- O ocio inclusivo

Estes espazos permitirán ás persoas participantes intercambiar opinións, resolver dúbidas e adquirir ferramentas para afrontar diferentes situacións da súa vida.

Como podes participar?

Aquelas persoas interesadas en participar, podedes consultar no programa completo toda a información necesaria para realizar a inscrición, incluído o procedemento e os datos de contacto.

O prazo para cubrir a inscrición estará aberto ata o 29 de setembro. 

 


Actividade financiada a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, grazas ás persoas que marcan o recadro de Fins Sociais / X Solidaria na súa declaración da renda.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Reglamento (UE) 2016/679 RGPD y LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALLEGA DE ASOCIACIONES EN FAVOR DE LAS PERSONAS CON DISCAPACIDAD INTELECTUAL O DEL DESARROLLO), como responsable del tratamiento, tratará sus datos para promocionar su actividad y evaluar calidad de sus servicios. Podrá ejercitar los derechos de acceso, rectificación y supresión de los datos, entre otros, tal y como se explica en la información adicional que está a su disposición en el apartado de Política de Privacidad.