O 45% das persoas con discapacidade intelectual que participaron no proxecto de Emprego Personalizado de Plena inclusión lograron un contrato de traballo
FADEMGA Plena inclusión Galicia participou nesta iniciativa os anos 2022 e 2023, cun total de 30 persoas con discapacidade intelectual.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
16-05-2024A dificultade para conseguir un emprego preséntase como unha das principais barreiras que separan ás persoas con discapacidade intelectual do acceso á cidadanía plena. Os datos son elocuentes. Segundo o INE, só 1 de cada 4 persoas con discapacidade intelectual conta cun emprego remunerado. Este dato é 44,8 veces inferior á taxa de emprego do resto da poboación. “O dereito para gozar dun emprego digno segue sendo un soño imposible para a gran maioría das 400.000 persoas con discapacidade intelectual que viven no noso país”, denuncia Carmen Laucirica, presidenta de Plena inclusión España.
Co fin de buscar alternativas efectivas, a confederación que agrupa a 950 asociacións que apoian desde os seus 2.000 centros e servizos a miles de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, desenvolveu un proxecto piloto de Emprego Personalizado (que contou coa coordinación do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e co financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation) no que participaron un total de 512 persoas con discapacidade intelectual de todo o país, das cales 30 foron galegas. Esta metodoloxía científica e innovadora, que chega de Estados Unidos, facilita unha mellor orientación laboral baseada nos “talentos” da persoa que se fai conectar coas necesidades das empresas.
A EXPERIENCIA GALEGA
FADEMGA Plena inclusión Galicia implicouse nesta iniciativa dende o 2022 ata o primeiro trimestre do 2023, mediante a identificación de talentos e capacidades, o estudo da contorna das persoas con discapacidade, a identificación das empresas máis idóneas e a prestación dos apoios precisos para a incorporación e mantemento ao posto de traballo.
En total, o programa contou en Galicia coa participación de 30 persoas con discapacidade intelectual (15 nun grupo de control e otras 15 nun grupo experimental). De entre as 15 persoas do grupo experimental, 4 acadaron un posto de traballo.
Este xoves tivemos a oportunidade de seguir en directo a presentación de resultados da iniciativa, acompañados por Uxía Lugilde, xefa do Servizo de Programas Mixtos de Formación e Emprego da Xunta de Galicia.
RESULTADOS DO ESTUDO
- Máis inclusión social: as persoas participantes incrementaron nun 25% o sentimento de pertenza ao barrio ou pobo.
- Máis relación con outras persoas: un 80% delas acabaron coñecendo polo menos a outra persoa nova por motivos de traballo ao final do proceso (fronte a un 15% ao principio do proceso).
- Máis formación: houbo un 50% de aumento nas persoas que accederon a formación en contextos laborais ordinarios.
- Máis contratos: aumento dun 45% en contratos de traballo para as persoas participantes no proxecto.
Outros aspectos destacados polas persoas investigadoras foron:
- Constatouse un notable aumento dos efectos positivos sobre o benestar das persoas con discapacidade intelectual.
- Mellora da autodeterminación das persoas involucradas no emprego personalizado, incrementouse nun 6%.