Novos obradoiros e xornadas para a tempada de outono: infórmate!
Velaquí tes un avance das actividades que chegarán nos próximos meses
FADEMGA Plena inclusión Galicia
26-06-2024Obradoiros, xornadas formativas, convivencias, encontros autonómicos... xa estamos a traballar na nova tempada de actividades, que chega cargadiña de cousas interesantes. Ímos por partes:
CONVIVENCIAS E ENCONTROS
Para abrir boca, xa podedes ir reservando en axenda as datas da convivencia formativa de irmás e irmáns, que terá lugar o vindeiro 14 de setembro. Esta actividade será o preludio do encontro autonómico de familias que ímos celebrar no mes de novembro, concretamente o día 16.
O encontro autonómico de persoas autoxestoras será tamén outra das citas importantes do ano. Terá lugar o 25 de outubro no Hotel Congreso de Teo (Montouto) e a inscrición xa está aberta!. A actividade conta cun anticipo de programa que podedes decargar aquí, así como coa correspondente ficha de inscrición, dispoñible nesta ligazón (e que nos podedes facer chegar a areasocial@fademga.org ata o vindeiro 23 de xullo).
Un día despois, o 26 de de outubro e tamén no Hotel Congreso, celebraremos unha nova edición do Encontro de Persoas Voluntarias, no que buscaremos novamente a fórmula da solidariedade.
ACTIVIDADES DIRIXIDAS AOS PROFESIONAIS
No caso das actividades dirixidas aos profesionais destaca a celebración da xornada de traballo sobre o proxecto "Atendeme-entendeme", (20 de setembro na Federación), formación sobre atención temperá (a partir do 12 de setembro), un novo curso centrado no eido da accesibilidade cognitiva e impartido pola OACEX (6 e 7 de novembro) e por suposto actividades xa asentadas na nosa programación habitual de cada ano, como é o caso do Seminario sobre saúde mental e discapacidade intelectual (22 de novembro).
FORMACIÓN PARA AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL
Os obradoiros e actividades formativas para as persoas con discapacidade intelectual serán outro dos puntos fortes do outono. Para comezar estamos a poñer en marcha dúas novas actividades nas que queremos que nos amosedes o voso interese de participación. A primeira delas será un obradoiro sobre "Resolución de conflitos", onde as persoas con discapacidade intelectual poderán aprender ferramentas e habilidades que lles permitirán resolver dunha maneira máis adecuada os conflitos.
A segunda das actividades, tamén dirixida ás persoas con discapacidade, centrarase no "Autocoñecemento emocional" e será unha achega as emocións propias e o seu manexo.
Para ambos obradoiros pedímosvos o voso feedback e interese de participación achegando un correo a areasocial@fademga.org, tendo de prazo ata o 10 de xullo.
Ademáis destas formacións, realizaremos unha nova edición dos "Espazos protexidos para falar da morte", que terá lugar o 19 de setembro no Hospital de Lugo.
Xa sabedes... abride a vosa axenda e ide reservando as datas!!
Neste documento podedes botar unha ollada a todas actividades coa súa data de celebración.