Mantense estable o impulso social da poboación galega marcando o X solidario con máis recadación para proxectos sociais
Con actos en Santiago, Vigo e Verín, as entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X Solidario no recadro 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na súa declaración da renda.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
07-04-2026As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis para animar a que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario, na súa Declaración da Renda.
A Praza da Quintana en Santiago de Compostela foi a localización elixida para o acto de presentación da campaña que este ano adiantouse un día ao arranque da Renda 2026. Ás 11 horas entidades sociais e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe medrando e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.
Nesta ocasión a campaña arranca co lema O Xesto Lendario. Con inspiración cinematográfica, e baixo a consigna de que un xesto ‘épico’ cambia o destino de milleiros de vidas, anímase este ano a marcar o X Solidario e compartir nas redes co hashtag #OXestoLendario e #ElGestoLegendario.
O acto de rúa contou coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Instituto Europeo Campus Stellae e consistiu na elaboración dun ‘X’ xigante, previa á lectura do manifesto. Actos similares tiveron lugar en máis localidades de Galicia como Vigo e Verín.
A lectura do manifesto estivo a cargo do presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo, da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, o e a vogal de EAPN Galicia Rede Galega contra a Pobreza, Saray Durán. Sestayo, presidente do CERMI comezaba apelando a cidadanía: “para seguir defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables da sociedade, é necesario apoiar ás entidades sociais e aos seus proxectos e programas destinados a favorecer a calidade de vida”. Enxalzou o labor social e económico do Terceiro Sector puntualizando que as entidades “ademais de xustificar os proxectos, inverten os cartos na xente. Creamos postos de traballos, que hai 187 mil persoas, e multiplicamos o valor social, trasnformando cada euro por tres”.
Inés Salteiro, directora da POIG sinalaba que “en Galicia, case 600.000 persoas viven en risco de pobreza ou exclusión social” animando á cidadanía a contribuír a reverter esta situación recalcando que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuír a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.”
Finalmente, Saray Durán, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de financiación, “replicar os modelos doutras comunidades autónomas que favorecen a estabilidade e simplificación burocrática dos programas anticipando a publicación da convocatoria e sobre todo adiantando a resolución e pago dos programas.”
:: Mantense a solidariedade da cidadanía cunha recadación maior
Durante o 2025, a campaña recadou en Galicia 30.127.138 €, grazas a que 793.189 contribuíntes (o 53,2% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 37’98 € por persoa, 4,56% máis que o ano anterior.
Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 3.607.069 € con respecto ao ano anterior, mantívose o número de contribuíntes, polo que é esencial que máis persoas se animen a contribuír.
698.443 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (578.825 non marcaron ningún recadro e 119.618 só marcaron o da Igrexa).
Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 49.884.694€. (19.757.555€ máis).
A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 567.210.822€ grazas a que case de 12.400.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, significando o 50,5% do total das persoas declarantes.

