Levamos ao Parlamento a realidade das persoas con discapacidade intelectual ante os efectos da Lei 8/2021

A Federación participou nas xornadas “Os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade”, organizadas polo Colexio Notarial de Galicia e a Fundación Aequitas

Levamos ao Parlamento a realidade das persoas con discapacidade intelectual ante os efectos da Lei 8/2021

FADEMGA Plena inclusión Galicia participou no Parlamento de Galicia nas xornadas “Os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade”, un encontro impulsado polo Colexio Notarial de Galicia e a Fundación Aequitas no que xuristas, profesionais do ámbito social e entidades representativas analizaron os avances e dificultades derivadas da aplicación da Lei 8/2021.

A xornada serviu para poñer en común unha preocupación compartida: malia que a reforma supuxo un avance fundamental ao substituír o antigo modelo de incapacitación por outro baseado nos apoios, na autonomía e no respecto á vontade das persoas, a súa aplicación práctica segue xerando problemas que impactan directamente na vida diaria de moitas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Dende FADEMGA achegouse a perspectiva do movemento asociativo galego, representando a voz das persoas con discapacidade intelectual, das súas familias e das entidades que prestan apoios no territorio. A Federación advertiu de que a normativa non sempre ten en conta a realidade diversa do colectivo, especialmente nos casos nos que os apoios existen de feito pero non encaixan nos procedementos administrativos esixidos.

Un dos aspectos sinalados foi a situación xerada nalgúns trámites ante a Seguridade Social ou a Axencia Tributaria, onde se están producindo interpretacións que poden deixar fóra a persoas que precisan apoios, pero que non contan cunha curatela representativa. Esta equiparación práctica coa antiga tutela pode provocar perdas ou dificultades no acceso a prestacións, beneficios fiscais ou recoñecementos xa consolidados. FADEMGA lembrou que estes problemas xa foran analizados no informe “Efectos colaterais da Lei 8/2021”, no que se recollen lagoas normativas derivadas da falta de adaptación doutros ámbitos legais tras a desaparición da tutela e da patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

A Federación defendeu que calquera reforma legal debe ir acompañada de cambios administrativos, formación profesional e criterios claros que eviten inseguridade xurídica. Tamén incidiu na necesidade de escoitar ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias para que as medidas de apoio non se convertan, na práctica, en novas barreiras.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.