FADEMGA recibe financiamento estatal para desenvolver 10 programas de apoio ás persoas con discapacidade intelectual en 2026
FADEMGA Plena inclusión Galicia
29-11-2025FADEMGA Plena inclusión Galicia contará con financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para desenvolver durante o ano 2026 un total de 10 programas destinados a promover os dereitos, a inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e das súas familias.
Este financiamento enmárcase no convenio-programa subscrito o 29 de novembro de 2025 entre o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e a Confederación Plena inclusión España, para a realización de programas de interese xeral con cargo á asignación tributaria do IRPF e do imposto sobre sociedades, correspondente á convocatoria de 2025.
Os programas que desenvolverá FADEMGA abranguen diferentes ámbitos de actuación, como o apoio ás persoas con discapacidade intelectual no ámbito penitenciario e pospenitenciario, o acceso á xustiza, a saúde mental, o apoio ás familias, a infancia, o envellecemento activo, a accesibilidade e a participación na comunidade. Estas iniciativas buscan ofrecer apoios adaptados ás necesidades das persoas, eliminar barreiras e favorecer o exercicio dos seus dereitos en igualdade de condicións.
O financiamento concedido permitiranos reforzar o noso compromiso coa construción dunha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas poidan participar, tomar decisións e desenvolver os seus proxectos de vida.
Aquí podes descargar o documento coa relación completa dos programas financiados e os importes concedidos a cada un deles, para facilitar a consulta desta información.

