FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra a aprobación do Regulamento de Accesibilidade Cognitiva e reclama unha dotación orzamentaria suficiente

O Consello de Ministros aprobou hoxe un Real Decreto que reforza o dereito das persoas con discapacidade intelectual e con dificultades de comprensión a entender a realidade e a acceder aos servizos públicos en igualdade de condicións.

FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra a aprobación do Regulamento de Accesibilidade Cognitiva e reclama unha dotación orzamentaria suficiente

Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia celebramos a aprobación do Regulamento que desenvolve a Lei de Accesibilidade Cognitiva, ratificada polo Parlamento en marzo de 2022. A aprobación deste Regulamento por parte do Consello de Ministros supón un avance importante para garantir o pleno exercicio dos dereitos e deberes da cidadanía, así como a igualdade de oportunidades e a non discriminación. Trátase dunha medida especialmente relevante para as persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e para todas aquelas persoas que presentan dificultades de comprensión.

Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia compartimos a valoración de Plena inclusión España, que recibe esta aprobación como un paso necesario e agardado durante anos, ao tempo que reclama recursos suficientes para facer efectivo este novo marco normativo. Neste sentido, Enrique Galván, director de Plena inclusión España, sinala que “recibimos esta aprobación como un avance largamente esperado. Porén, botamos en falta que este instrumento normativo veña acompañado dunha dotación orzamentaria que garanta a súa efectividade”. Galván tamén apunta que o Regulamento sería máis completo se incluíse referencias a normativa técnica que permita asegurar o rigor das metodoloxías utilizadas para crear apoios e garantir unha verdadeira accesibilidade cognitiva.

A accesibilidade cognitiva, un dereito que abre a porta a outros dereitos

Desde o movemento asociativo Plena inclusión defendemos a accesibilidade cognitiva como un “dereito chave”, porque permite que centos de miles de persoas con discapacidade intelectual ou dificultades de comprensión poidan exercer outros dereitos fundamentais. Falamos, por exemplo, do dereito á educación, ao emprego, á saúde, á cultura, ao ocio ou á participación na sociedade. Maribel Cáceres, vicepresidenta de Plena inclusión España e activista polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, celebra tamén este avance: “Nós, as persoas con discapacidade intelectual, necesitamos comprender o mundo no que vivimos. E iso só o podemos facer se contamos no noso día a día con medidas que faciliten o noso dereito á accesibilidade cognitiva”.

A Organización Mundial da Saúde sinala que as medidas de accesibilidade cognitiva poden beneficiar a "1 de cada 3 persoas" no mundo, xa que unha parte importante da poboación presenta algún tipo de dificultade de comprensión.

Un marco común para avanzar na accesibilidade cognitiva

Plena inclusión España leva anos impulsando o dereito á accesibilidade cognitiva e participou no proceso de desenvolvemento desta normativa, achegando a experiencia acumulada polo movemento asociativo. A través dos seus preto de 4.000 centros e servizos, o movemento Plena inclusión apoia a máis de 150.000 persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e ás súas familias en todo o Estado.

O novo Regulamento crea, por primeira vez, un marco normativo común sobre accesibilidade cognitiva para todo o territorio estatal e incorpora este dereito de maneira transversal en ámbitos fundamentais da vida diaria. Entre outras medidas, permitirá avanzar cara a:

- formularios e documentos administrativos máis fáciles de comprender; 

- unha sinalización máis accesible no transporte e nos espazos públicos;

- información sanitaria en formatos máis comprensibles;

- procesos electorais con información e materiais adaptados;

- un maior uso da lectura fácil e da linguaxe clara;

- o uso de pictogramas e outros apoios visuais;

- sistemas aumentativos e alternativos de comunicación;

- novas solucións tecnolóxicas, incluídas as baseadas na intelixencia artificial.

Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia consideramos que a aprobación deste Regulamento representa un avance fundamental para construír unha sociedade máis accesible, comprensible e inclusiva. Ao mesmo tempo, insistimos en que o recoñecemento dos dereitos debe ir acompañado dos "recursos económicos, técnicos e humanos necesarios" para que as medidas previstas poidan aplicarse de maneira real e efectiva.

A accesibilidade cognitiva beneficia especialmente ás persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, pero tamén ás persoas maiores, ás persoas con deterioración cognitiva, ás persoas con dificultades de comprensión ou ás que teñen un coñecemento limitado da lingua. Porque comprender a información, os espazos, os servizos e as normas que nos rodean é imprescindible para poder participar na sociedade e exercer os nosos dereitos en igualdade de condicións.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Reglamento (UE) 2016/679 RGPD y LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALLEGA DE ASOCIACIONES EN FAVOR DE LAS PERSONAS CON DISCAPACIDAD INTELECTUAL O DEL DESARROLLO), como responsable del tratamiento, tratará sus datos para promocionar su actividad y evaluar calidad de sus servicios. Podrá ejercitar los derechos de acceso, rectificación y supresión de los datos, entre otros, tal y como se explica en la información adicional que está a su disposición en el apartado de Política de Privacidad.