FADEMGA e a Xunta renovan a súa colaboración para adaptar documentos xudiciais a lectura fácil

O convenio permitirá que xulgados e servizos xudiciais de Galicia soliciten a adaptación de documentos para persoas con dificultades de comprensión lectora.

FADEMGA e a Xunta renovan a súa colaboración para adaptar documentos xudiciais a lectura fácil

FADEMGA Plena inclusión Galicia e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia renovan en 2026 a súa colaboración para continuar desenvolvendo o proxecto de adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil.

A través deste convenio, a Xunta de Galicia achegará un importe máximo de 25.000 € para apoiar un servizo que ten como obxectivo mellorar o acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, así como doutras persoas con dificultades de comprensión lectora.

Grazas a esta iniciativa, calquera órgano ou servizo xudicial de Galicia que tramite un procedemento no que participe unha persoa con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou con dificultades de comprensión poderá solicitar a FADEMGA a adaptación da documentación xudicial a lectura fácil. O proceso inclúe dúas fases fundamentais: a adaptación dos textos, realizada por profesionais especializados, e a súa validación por parte dun grupo de persoas con discapacidade intelectual, co fin de garantir que o documento resulta realmente comprensible para as persoas destinatarias.

As adaptacións teñen carácter informativo e non substitúen o valor legal dos documentos orixinais, pero supoñen unha ferramenta clave para que as persoas poidan comprender mellor os procedementos xudiciais que lles afectan, participar con máis seguridade e exercer os seus dereitos en igualdade de condicións.

Este convenio dá continuidade ao proxecto e reforza o compromiso de FADEMGA Plena inclusión Galicia coa accesibilidade cognitiva, entendida como un dereito fundamental e como unha condición imprescindible para avanzar cara a unha xustiza máis próxima, comprensible e inclusiva.

Consulta aquí a información sobre esta iniciativa e como solicitar a adaptación

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.