FADEMGA e a Consellería de Facenda prorrogan ata 2030 o convenio para apoiar a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual na Administración autonómica
A colaboración permitirá continuar desenvolvendo accións de formación, apoio na adaptación ao posto de traballo, seguimento laboral e intercambio de experiencias na contorna profesional.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
03-07-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia asinamos hoxe a adenda de prórroga do convenio de colaboración destinado ao desenvolvemento de actividades de asesoramento e apoio á inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
A través desta prórroga, o convenio continuará vixente dende o 12 de xullo de 2026 ata o 12 de xullo de 2030, dando continuidade á colaboración iniciada no ano 2022 entre ambas entidades.
O obxectivo deste acordo é facilitar a adaptación e o desenvolvemento das funcións nos postos de traballo das persoas con discapacidade intelectual que pasen a prestar servizos na Administración autonómica, tanto como persoal funcionario de carreira ou laboral fixo, como no caso de persoal funcionario interino ou laboral temporal.
Entre as actuacións previstas inclúense cursos de formación específicos previos ao ingreso ou ao inicio da prestación de servizos, apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo, seguimento do desempeño laboral, formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais, así como talleres prácticos de intercambio de experiencias dirixidos ao persoal que realiza funcións de referencia na contorna laboral destas persoas.
Con esta renovación, FADEMGA Plena inclusión Galicia e a Consellería de Facenda e Administración Pública reforzamos o noso compromiso cun emprego público máis accesible, acompañado e adaptado ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Dende a Federación valoramos esta continuidade como un paso importante para seguir avanzando na participación das persoas con discapacidade intelectual na vida laboral pública, favorecendo non só o acceso ao emprego, senón tamén a permanencia, a autonomía e o desenvolvemento profesional con apoios axeitados.

