FADEMGA convoca a Formación Prelaboral 2026 para persoas con discapacidade intelectual
As entidades federadas poderán solicitar accións formativas orientadas a reforzar as habilidades laborais e a autonomía na busca de emprego.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
29-06-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia abre unha nova convocatoria do Plan de Formación Prelaboral 2026, dirixida ás entidades federadas que queiran solicitar accións formativas para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
O obxectivo desta formación é ofrecer ás persoas participantes información, ferramentas e habilidades útiles para iniciar ou reforzar un proceso de busca activa de emprego, favorecendo así o seu acceso ao mercado laboral.
Cursos e talleres adaptados ás necesidades de cada grupo
A convocatoria inclúe dúas modalidades de accións formativas:
- Cursos de formación prelaboral, con carácter teórico-práctico e grupal, cunha duración mínima de 15 horas e máxima de 25 horas.
- Talleres específicos, de carácter práctico, cunha duración mínima de 3 horas e máxima de 5 horas, centrados en contidos concretos relacionados coa busca de emprego.
Tanto os cursos como os talleres adaptaranse ás necesidades de cada grupo e ás características específicas do alumnado.
As sesións terán unha duración máxima de 5 horas diarias e desenvolveranse nas instalacións das entidades solicitantes.
Contidos da formación
Os cursos poderán abordar contidos como habilidades sociolaborais, técnicas de busca de emprego, dereitos e deberes das persoas traballadoras, prevención de riscos laborais, educación viaria, educación en igualdade ou informática básica para a busca de emprego. Tamén se ofertarán talleres específicos sobre elaboración do curriculum vitae, entrevista de traballo, brigadas de busca de emprego, resolución de conflitos, manexo do euro, autocoñecemento e toma de decisións, habilidades comunicativas, motivación para a busca de emprego e igualdade para o emprego.
Ademais, a convocatoria contempla accións relacionadas co acceso ao emprego público e ás oposicións.
Persoas destinatarias
A formación está dirixida a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que estean nun proceso de busca activa de emprego ou que queiran inicialo.
Para participar será necesario cumprir estes requisitos:
- Ter unha discapacidade intelectual ou do desenvolvemento certificada.
- Ser maior de 16 anos.
- Estar inscrita/o no Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia. A inscrición neste servizo poderá realizarse despois da solicitude da acción formativa. Neste caso, o equipo técnico de orientación poderá desprazarse ata a entidade.
Prazos e solicitude
O prazo para solicitar as accións formativas remata o 24 de xullo de 2026.
O período de execución da formación será entre o 14 de setembro e o 11 de decembro de 2026.
A adxudicación dos cursos realizarase por rigorosa orde de solicitude.
As entidades interesadas deberán enviar a Ficha de Solicitude de Acción Formativa debidamente cumprimentada á Área de Emprego e Formación de FADEMGA Plena inclusión Galicia, a través do correo electrónico: formacion@fademga.org
As entidades que queiran propoñer algunha acción formativa relacionada co acceso e mantemento do emprego que non estea recollida no catálogo desta convocatoria tamén poderán enviar a súa proposta por correo electrónico. A Área de Emprego e Formación valorará a súa viabilidade e comunicará a resposta á entidade solicitante coa suficiente antelación.
Descarga aquí o tríptico informativo dos cursos de formación prelaboral
Actividade financiada a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, grazas ás persoas que marcan o recadro de Fins Sociais / X Solidaria na súa declaración da renda.

