FADEMGA adhírese ao novo Código Ético de Plena inclusión para reforzar o seu compromiso cos dereitos
A federación impulsa unha cultura organizativa baseada na participación, a coherencia e a responsabilidade compartida
FADEMGA Plena inclusión Galicia
20-03-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia vén de formalizar a súa adhesión ao novo Código Ético de Plena inclusión, un marco que reforza o compromiso coa ética e cos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.
A Xunta Directiva de FADEMGA deu este paso como parte do proceso de actualización e fortalecemento impulsado por Plena inclusión a nivel estatal. O novo Código Ético sitúa no centro cinco valores fundamentais: o respecto, a vida plena, a xustiza, a integridade e o diálogo.
Estes principios non se conciben como unha declaración teórica, senón como unha guía para a acción diaria. A ética, neste sentido, enténdese como unha práctica que debe reflectirse nas decisións, nas relacións e no funcionamento das organizacións. Dende FADEMGA, esta adhesión asúmese con responsabilidade e espírito crítico, sendo conscientes de que o verdadeiro compromiso se mide na capacidade de trasladar estes valores á realidade.
Ademais, dende a federación facemos un chamamento á cidadanía, ás persoas vinculadas ao movemento asociativo e á sociedade en xeral a informarse, participar e tamén esixir, pois a construción dunha ética sólida é unha tarefa colectiva que require a implicación de todas as persoas.
O novo Código Ético de Plena inclusión representa unha oportunidade para avanzar cara a organizacións máis xustas, transparentes e centradas nas persoas.

