Construíndo emprego: unha xornada para celebrar, recoñecer e impulsar o futuro do emprego inclusivo

A xornada, que se celebrará o 26 de maio na Cidade da Cultura, reunirá administracións, empresas, profesionais, entidades sociais, persoas con discapacidade intelectual e familias

Construíndo emprego: unha xornada para celebrar, recoñecer e impulsar o futuro do emprego inclusivo

FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrará o vindeiro 26 de maio na Cidade da Cultura a xornada “Construíndo emprego”, un encontro co que conmemora os 25 anos do seu Servizo de Emprego e Formación e co que quere abrir unha reflexión compartida sobre os retos actuais e de futuro do emprego das persoas con discapacidade intelectual.

A cita desenvolverase no espazo CINC – Auditorio 1, en horario de 9.00 a 18.15 horas.

25 ANOS DE EMPREGO INCLUSIVO

Hai un cuarto de século, FADEMGA puxo en marcha unha aposta pioneira cunha idea clara: que o acceso ao emprego ordinario con apoios debía ser un dereito real e viable en Galicia. Dende entón, ese camiño foi medrando ata converterse nun modelo consolidado, sustentado en alianzas estratéxicas, aprendizaxes compartidas e traxectorias laborais sostibles.

“Construíndo emprego” nace precisamente con ese dobre obxectivo: recoñecer o percorrido realizado e, ao mesmo tempo, situar sobre a mesa os desafíos que hoxe marcan o presente do emprego inclusivo.

A xornada reunirá administracións, empresas, profesionais, entidades sociais, persoas con discapacidade intelectual e familias para abordar cuestións clave como o acceso ao emprego público, a colaboración co tecido empresarial, a innovación social, o emprego personalizado, a formación adaptada e os apoios necesarios ao longo da vida laboral.

CONTIDOS

O programa estrutúrase arredor de 6 paneis temáticos e incluirá tamén un espazo institucional de recoñecemento ás persoas, entidades, organismos e empresas que contribuíron de maneira decisiva a impulsar o emprego inclusivo en Galicia nestes 25 anos.

O encontro arrancará cun primeiro panel centrado nas orixes do emprego inclusivo en Galicia e continuará cun bloque dedicado ao acceso ao emprego público como vía de inclusión real e estable. Ao longo da mañá tamén se afondará no valor das alianzas empresariais que abriron camiño ao emprego con apoio, mentres que a sesión da tarde porá o foco na innovación social no emprego, na importancia dunha formación adaptada e na necesidade de repensar os apoios para garantir traxectorias laborais máis estables, personalizadas e con percorrido. A xornada incluirá, ademais, un acto de recoñecemento institucional a metade do programa.

Con esta iniciativa, FADEMGA quere subliñar que o reto xa non é só acceder a un posto de traballo, senón mantelo, facelo evolucionar e garantir oportunidades reais nun mercado laboral cada vez máis cambiante.

En definitiva, “Construíndo emprego” quere ser un espazo para facer balance, compartir coñecemento e seguir activando compromisos e alianzas que permitan ampliar e fortalecer o emprego inclusivo en Galicia.

INSCRICIÓNS

A participación na xornada é gratuíta, pero require inscrición previa a través deste formulario

O prazo permanecerá aberto ata o 20 de maio e, dado que o aforo é limitado, as inscricións atenderanse por orde de chegada.

Unha vez pechado o prazo, confirmaremos por correo electrónico as prazas asignadas. 

DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA DA XORNADA

 


A xornada "Construíndo emprego" conta coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Deputación da Coruña, Fundación ONCE e Cidade da Cultura. 

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.