Abrimos inscricións para unha xornada sobre apoios autodirixidos: vidas propias, apoios á medida

A xornada reunirá profesionais, representantes das administracións públicas, entidades sociais e persoas con experiencia directa neste modelo.

Abrimos inscricións para unha xornada sobre apoios autodirixidos: vidas propias, apoios á medida

Que pasaría se as persoas con discapacidade intelectual puidesen decidir non só como queren vivir, senón tamén que apoios necesitan, quen lles presta eses apoios e como utilizalos?

Esta é a idea que está detrás dos apoios autodirixidos, un modelo innovador que sitúa a persoa no centro das decisións e lle permite ter un maior control sobre os recursos e apoios que precisa para desenvolver o seu propio proxecto de vida. Para afondar neste enfoque, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia organizamos a xornada «Apoios autodirixidos: unha alternativa para a transformación dos modelos de apoio», que terá lugar o 10 de decembro, de 10:30 a 15:00 horas, na Hospedería San Martín Pinario de Santiago de Compostela.

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, queremos abrir un espazo de aprendizaxe e reflexión sobre como avanzar cara a modelos de apoio máis personalizados, flexibles e respectuosos coa vontade e as decisións das persoas.

Descarga aquí o programa completo da xornada. 

Experiencias reais para impulsar novos modelos de apoio

Ao longo da mañá coñeceremos o marco conceptual dos apoios autodirixidos, así como experiencias que xa se están desenvolvendo noutros territorios e en Galicia. Para iso, contaremos coa participación de Amalia San Román, coordinadora técnica de Plena inclusión España, que ofrecerá unha visión xeral deste modelo e das oportunidades que presenta para transformar os sistemas de apoio.

Ademais, coñeceremos os resultados e as experiencias impulsadas por Plena inclusión Madrid e FADEMGA Plena inclusión Galicia, da man das profesionais Rebeca Chacón e Mónica Seijas, acompañadas por Milouda Mestour e Eva Riguera, persoas participantes que compartirán en primeira persoa a súa experiencia. A xornada concluirá cun espazo de diálogo e reflexión colectiva para identificar os principais retos e oportunidades que presenta a implantación deste modelo en Galicia, así como posibles vías de colaboración entre administracións públicas, profesionais e entidades sociais.

A quen vai dirixida?

Esta sesión está especialmente orientada a:

- Profesionais dos servizos sociais.

- Concelleiros e concelleiras de Benestar Social e Servizos Sociais.

- Profesionais da Administración vinculados ao Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD).

- Profesionais de entidades e centros.

- Outras persoas interesadas en coñecer este modelo de apoios.

Como inscribirse?

A participación é gratuíta, con inscrición previa e prazas limitadas. As persoas interesadas deberán cubrir este formulario de inscrición antes do 4 de decembro de 2026.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, confirmaremos as prazas por correo electrónico.

Para resolver calquera dúbida ou solicitar máis información, podes contactar connosco a través do correo electrónico areasocial@fademga.org ou do teléfono 981 519 650.

Porque transformar os apoios non consiste unicamente en cambiar os servizos, senón en conseguir que cada persoa teña máis oportunidades para decidir sobre a súa propia vida!

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Reglamento (UE) 2016/679 RGPD y LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALLEGA DE ASOCIACIONES EN FAVOR DE LAS PERSONAS CON DISCAPACIDAD INTELECTUAL O DEL DESARROLLO), como responsable del tratamiento, tratará sus datos para promocionar su actividad y evaluar calidad de sus servicios. Podrá ejercitar los derechos de acceso, rectificación y supresión de los datos, entre otros, tal y como se explica en la información adicional que está a su disposición en el apartado de Política de Privacidad.