Abrimos as inscricións para a Convivencia de Irmás, Irmáns, Cuñadas e Cuñados 2026
A cita terá lugar o 28 de novembro en Santiago de Compostela e ofrecerá un espazo para compartir experiencias e aprender a acompañar nos procesos de duelo. As inscricións estarán abertas ata o 20 de novembro.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
03-11-2026Como afrontar os cambios e as perdas que vivimos? Como acompañar unha persoa con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento durante o duelo, respectando os seus tempos, necesidades e sentimentos?
Baixo o lema «A importancia dos cambios no camiño da vida», abrimos as inscricións para unha nova Convivencia de Irmás, Irmáns, Cuñadas e Cuñados. Celebrarémola o sábado 28 de novembro, de 10:00 a 18:00 horas, na Hospedería de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela. A xornada combinará formación, intercambio de experiencias e actividades participativas. Queremos ofrecer un espazo de encontro no que compartir inquedanzas e coñecer ferramentas prácticas para comprender, expresar e xestionar as emocións que xorden durante o duelo, tanto as propias como as das persoas ás que acompañamos.
Durante a mañá contaremos con María Parada, psicóloga de Fundación Hospitalarias Betanzos, que abordará o impacto emocional dos cambios da vida e os apoios e recursos para acompañar estes procesos. Pola tarde, Marta Pérez, licenciada en Filosofía, actriz e creadora escénica, dinamizará a sesión «Os sentimentos das vivencias do camiño».
Podes consultar aquí o programa completo da xornada.
Como inscribirse?
A convivencia está dirixida a irmás, irmáns, cuñadas e cuñados de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e contará cun máximo de 30 participantes.
Cada persoa interesada deberá cubrir este formulario de inscrición coa axuda dunha persoa profesional da súa asociación, ata o 20 de novembro incluído.
Non se admitirán inscricións por outras vías nin fóra de prazo.
No formulario será necesario indicar se se queda a comer e se se precisa algunha dieta especial ou se teñen intolerancias alimentarias.
A partir do 23 de novembro confirmaremos as inscricións admitidas.
Se unha persoa inscrita finalmente non pode asistir, deberá comunicar a súa baixa antes da convivencia a través do correo familias@fademga.org.
Unha oportunidade para atoparnos, aprender e compartir como acompañar os cambios que forman parte da vida!

