Xunta e FADEMGA Plena inclusión Galicia unen esforzos para garantir a accesibilidade cognitiva no ámbito xurídico

O fin último da iniciativa e derrubar as barreiras da xustiza facéndoa accesible a todos os cidadáns

Xunta e FADEMGA Plena inclusión Galicia unen esforzos para garantir a accesibilidade cognitiva no ámbito xurídico

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, D. Diego Calvo Pouso e o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, D. Eladio Fernández Pérez, veñen de asinar a continuidade do proxecto chamado a facilitar a comprensión das informacións de carácter xurídico ás persoas con discapacidade intelectual, persoas con problemas de comprensión lectora, persoas maiores ou persoas estranxeiras que teñan pouco coñecemento do noso idioma.

Trátase dun proxecto pioneiro na nosa comunidade, que comezaba no ano 2019 co fin de facilitar ao colectivo de persoas con discapacidade intelectual a compresión dos procesos xudiciais e o seu resultado e que pouco a pouco foise ampliando para dar resposta a outros colectivos que podan ter dificultades de comprensión neste eido.

Dende a Federación lembramos que todas aquelas persoas que desexen contar coa información xurídica en lectura fácil poden solicitalo ao seu operador xurídico (procurador/a, fiscal, avogado/a…) que posteriormente deriva a solicitude a FADEMGA para a súa adaptación.

O persoal técnico da Federación formado no eido da lectura fácil encárgase da adaptación dos textos, que posteriormente pasan un proceso de validación a cargo dun grupo de persoas con discapacidade intelectual, co fin de garantir a correcta comprensión de toda a información adaptada.

:: Reivindicación da figura da "persoa facilitadora"

A pesar de que a adaptación dos contidos é un paso importante cara unha mellor comprensión dos procesos xudiciais, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia tamén vimos reclamando a necesidade de fomentar a figura da persoa facilitadora, un profesional que apoie ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento cando están inmersos nun proceso policial ou xudicial. Trátase dunha figura que aparece recollida na nova Lei 8/2021 do 2 de xuño, pola cal se reformou a lexislación civil e procesal para o apoio ás persoas con discapacidade na súa capacidade xurídica. Concretamente no seu artigo 7 bis, onde se fala da figura dun “profesional experto que realizará funcións de adaptación dos trámites legáis para que sexan comprensibles para a persoa con discapacidade”.

:: Comprender a nosa contorna: un dereito recollido na Convención dos dereitos das persoas con discapacidade e na Lei de accesibilidade de Galicia

A continuidade deste convenio ven a dar resposta a un dereito que está recollido tanto na Convención dos dereitos das persoas con discapacidade da ONU como na Lei de Accesibilidade de Galicia. No caso da Convención da ONU, esta recolle no seu artigo 13 o dereito de acceder á xustiza en igualdade de condicións, prevendo a adopción de medidas de accesibilidade, axustes de procedemento e prestación dos apoios necesarios para elo. Asemade, a Lei de accesibilidade de Galicia 10/2014 do 3 de decembro, contempla que as Administracións públicas deben adaptar os sistemas de comunicación para facelos accesibles e comprensibles para todas as persoas, empregando a lectura fácil.

:: A lectura fácil

A Lectura Fácil forma parte dunha idea máis ampla de accesibilidade cognitiva, destinada a que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan acceder á información e á comprensión da súa contorna. Na actualidade hai unha gran multiplicidade de iniciativas onde FADEMGA Plena inclusión colabora como son proxectos na contorna xornalística (con revistas en Lectura Fácil), cultural (información de museos, obras de teatro, adaptación de novelas e clubs de lectura) e tamén do ámbito social (publicacións sobre prevención da violencia de xénero) e sanitario (información ao paciente).

As normas básicas da Lectura Fácil consisten en usar oracións simples e curtas, coa estrutura de suxeito+verbo+complemento, escribir de modo directo, limitar o número de ideas, dar preferencia á voz activa sobre a pasiva e recorrer sempre ao mesmo sinónimo. Igualmente, evítanse os tecnicismos, a linguaxe figurada, os tempos verbais do subxuntivo e o condicional, as oracións impersoais e complexas, as abreviaturas e siglas, o punto e coma, os puntos suspensivos e os incisos que rompen a continuidade.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.