Plena inclusión fomentará a accesibilidade das eleccións europeas: sinalización, manuais de mesa e outras medidas

Instalaranse 44.133 carteis en todas as capitais de comunidades autónomas, entre elas Santiago de Compostela, para facer máis fáciles de entender os colexios e locais electorais

Plena inclusión fomentará a accesibilidade das eleccións europeas: sinalización, manuais de mesa e outras medidas

O vindeiro domingo 9 de xuño, as españolas e os españois maiores de 18 anos votan nas eleccións europeas. Isto tamén inclúe ás persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento (parálise cerebral, autismo, Síndrome de Down…).

Dende o movemento asociativo de Plena inclusión levamos 12 anos loitando para que se cumpra o dereito ao voto do colectivo e este ano tamén poñeremos en marcha medidas para logralo, sobre todo para promover a accesibilidade cognitiva, é dicir, que o proceso electoral sexa fácil de entender para todas e todos. Concretamente, nesta convocatoria electoral, instalaranse 44.133 carteis en todas as capitais de comunidades autónomas e nas cidades autónomas, grazas ao financiamiento do Ministerio, e coordinando a súa instalación coas Delegacións do Goberno e os Concellos.

A sinalización poderase ver nas seguintes cidades: Barcelona, Las Palmas de Gran Canaria, Logroño, Madrid, Mérida, Murcia, Oviedo, Palma, Pamplona, Santa Cruz de Tenerife, Santander, Santiago de Compostela, Sevilla, Toledo, Valencia, Valladolid, Vitoria-Gasteiz, Zaragoza, Ceuta e Melilla. Trátase dunha sinalización que xa se estreou en Madrid en anteriores convocatorias e que se foi replicando, revisando e estendendo gradualmente.

 

CONVENIO ENTRE O MINISTERIO DO INTERIOR E PLENA INCLUSIÓN ESPAÑA


Esta é unha das medidas que forma parte do Convenio asinado a finais de 2021 entre o Ministerio do Interior e Plena inclusión España, co obxecto de promover e garantir a accesibilidade cognitiva dos procesos electorais. O obxectivo da devandita sinalización é facilitar a orientación e uso. Por exemplo, inclúe o horario do colexio electoral ou como usar a cabina electoral.

Os carteis foron deseñados segundo a norma ISO 22727:2007 sobre creación e deseño de símbolos de información pública. Ademais, a súa perceptibilidade visual (se son ou non fáciles de ver) e a súa comprensibilidade foron avaliadas cumprindo a norma de calidade UNE-ISO 9186, coa participación de 158 persoas con discapacidade intelectual, apoiadas por entidades de Plena inclusión. O sistema inclúe unha guía de instalación en lectura fácil e dende FADEMGA Plena inclusión Galicia ofreceremos á xunta electoral de zona o asesoramento pertinente para a súa correcta instalación.

 

MATERIAL ADAPTADO PARA AQUELAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL QUE ESTÉN EN MESA


As persoas con dificultades de comprensión tamén poden ser designadas para estar en mesas electorais. Por ese motivo, adaptáronse a lectura fácil en 5 idiomas os manuais de mesa, que son os documentos coas indicacións que deben seguir. Ademais de todos estes materiais, a web do Ministerio do Interior (https://info.eleccioneseuropeas2024.es/) para as eleccións europeas inclúe consellos en todos os idiomas oficiais do Estado destinados a interventores e apoderados para orientarlles sobre como asegurar o dereito ao voto das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.

 

A LONGA TRAXECTORIA POLO DEREITO AO VOTO


Dende a confederación Plena inclusión España, e a federación FADEMGA Plena inclusión Galicia levamos 12 anos traballando polo dereito ao voto. Estes son algúns fitos destacados: 2012. Comeza a campaña O meu voto conta de Plena inclusión. 2018. 100.000 persoas recuperaron o dereito ao voto. 2019. Varias convocatorias de eleccións. Comeza a colaboración de Plena inclusión co departamento de loxística electoral do Ministerio do Interior, con quen acabou asinando un Convenio. 2023. Estréase o novo sistema de sinalización accesible grazas ao CEACOG, o Centro Español de Accesibilidade Cognitiva, en Madrid. Adaptáronse os manuais de mesa aos 5 idiomas cooficiais.

 

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.