15 de maio. Día internacional da familia
Cada familia importa
FADEMGA Plena inclusión Galicia
14-05-2024Cada 15 de maio, o movemento asociativo de Plena inclusión celebra o Día Internacional das Familias. Desde FADEMGA Plena inclusión entendemos que a familia xoga un papel fundamental na vida das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento por iso, dámoslle unha especial importancia aos Programas e Servizos de Apoio a Familias, cuxa función é acompañar ás familias de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento no seu proxecto de vida, partindo dos seus propios recursos e fortalezas, atendendo ás súas necesidades e demandas e facilitándolle os apoios necesarios para mellorar a súa calidade de vida e o benestar de cada un dos seus membros.
Esta maneira de entender o movemento asociativo e o traballo dos nosos profesionais no eido familiar é o que coñecemos como "enfoque centrado na familia": un conxunto de crenzas, valores, principios e prácticas para acompañar ás familias de cara a desenvolver as súas fortalezas e aumentar o seu sentimento de competencia.
Neste Día Internacional das Familias, animámoste a que coñezas máis sobre este enfoque e os seus beneficios! Segue esta ligazón e atoparás diferentes publicacións onde poderás coñecer máis sobre esta metodoloxía de traballo.